
O vindeiro sábado 14 de xuño, ás 19:00 h, o Centro Cultural da Guarda será o escenario da estrea de Inanición, unha obra de teatro documento e creación colectiva impulsada por un grupo de mozas e mozos do municipio no marco do proxecto europeo Linguas Novas.
Inspirada pola visita do escritor Carlos Callón e a presentación do seu Libro Negro da Lingua Galega, Inanición nace como unha resposta artística e crítica da mocidade á situación da lingua galega na súa contorna máis próxima.
O proceso de creación da obra combinou a investigación, lectura, entrevistas á veciñanza, improvisación escénica e deseño colaborativo, dando lugar a unha peza que conxuga teatro e reflexión social. A voz da xuventude toma o protagonismo para expoñer, desde o escenario, unha mirada propia sobre a realidade lingüística galega.
Esta estrea supón non só unha oportunidade para gozar dun espectáculo teatral diferente, senón tamén para escoitar e dialogar coa mocidade sobre o presente e o futuro do galego.
📅 Sábado 14 de xuño
🕖 19:00 h
📍 Centro Cultural da Guarda
A entrada é libre ata completar aforo.
Non faltedes!
Ao rematar a obra, terá lugar un encontro coas participantes do proxecto europeo Artífices, unha iniciativa dirixida a mozas e mozos de entre 16 e 18 anos que teñen como obxectivo deseñar e liderar as súas propias propostas culturais para desenvolver na Guarda ao longo de 2025. Tras varios meses de formación en xestión cultural, facilitación e creación de proxectos, compartirán as súas ideas diante de representantes das institucións locais. Un espazo aberto ao público para coñecer o talento novo, apoiar a súa voz e construír xuntas o futuro cultural da comarca.