Newbridge, segunda feira 18 de agosto de 2025.
Só quedan trece días para rematar unha das experiencias máis enriquecedoras da miña curta vida de vinte anos. Aínda lembro o día que cheguei aquí, recén saída do instituto, cun corte de pelo diferente e unha maleta facturada con uns kiliños de máis. Porque claro, como ía unha rapaza adolescente intentando finxir ser unha pequena adulta meter en vinte quilos e unha bolsa de man todos os seus tesouros? A skin care routine e mesmo o coelliño de peluche que creceu con ela tiñan que vir comigo. Spoiler: é imposíbel. Pero non para Marta. (A verdade é que esa imaxe miña no chan do aeroporto, coa maleta aberta e metendo as cousas máis pesadas na mochila, é digna dun “Nothing beats Jet2 Holidays” en TikTok).

Esa mesma noite –e con noite refírome ás sete da tarde, porque, claro, estamos en Irlanda e en Irlanda un domingo, día do Señor, trinta de setembro, xa é noite– lembro á miña familia de acollida virme recoller ao aeroporto de Dublín e levarme cear un McDonald’s de camiño a Newbridge, o pobo no que estaría o resto do ano ata agora. Alí, na rúa irlandesa que máis pisei no curso, George Street, estaba case toda a compañía agardando por min na oficina para darme o mellor recibimento que podía existir no mundo, polo menos no meu mundo. Sen dúbida ningunha, unha asociación multicultural e multisensorial espectacular. Agora sei que vaia ao país que vaia, xa non teño que pagar aloxamento, porque moi probabelmente teña un amigo da Crooked que me ofreza casa. Iso si, os cartos que non gastei aí xa os investín no psicólogo, para aprender a procesar estes altos niveis de emocións descoñecidas e outras que xa se van facendo amigas miñas. É o prezo que tes que pagar cando te ves envolta nun voluntariado europeo de TEATRO, con nove compañeiros do teu ano e uns quince doutros anos que agora xa traballan, cada quen cunha cultura diferente da túa e todos chapurreando o mellor inglés que sabemos.
Dende aí, e xa a mañá seguinte, comecei co meu horario laboral: tres horas de clase de inglés á semana (unha hora pola mañá os luns, martes e xoves); tres horas semanais de preparación en facilitación teatral con unha das mellores expertas do tema en Irlanda, Anna Galligan; e tamén tempo reservado para a limpeza e mantemento do espazo de traballo, dúas horas semanais con todas as tarefas divididas entre os traballadores. Todo pasaba de estar coma o monte o venres despois do botellón a quedar máis limpo ca unha patena (para que me entendas, mami 😉).

Agora si, do que máis aprendín foi dos conflitos bélicos e sociais que xorden cando pos a unha grega choni e un turco a discutir por Constantinopla. Bromas á parte, quédome con todas as viaxes que puiden facer polo incríbelmente barato que é coller un voo dende Dublín e tamén por todos os proxectos europeos que che ofrece Crooked House Theatre Company. Son unha forma diferente de coñecer e apreciar a cultura do lugar no que estás.
A verdade é que me dá moita pena despedirme deste ano, de espertarme polas mañás sabendo que tiña que ir a un ensaio para unha obra sobre migración que fixo unha xira nacional nos primeiros meses do verán. Véndoo agora en perspectiva, paréceme unha absoluta tolemia telo vivido. Quen lle ía dicir á Marta do ano pasado –aquela adolescente rebelde e perdida, loitando contra un sistema inamovíbel como é rematar segundo de bacharelato– que ao ano seguinte, se collía a oportunidade de marchar a outro país como “voluntaria” (que é iso?), ía estar traballando directamente no que máis lle gusta, e cun nivel de profesionalidade incríbel.

Que ademais de participar nunha obra nova e bastante mediática, tampouco perdería a oportunidade de facer unha produción relixiosamente mítica de Shakespeare como é Macbeth, na que fixen dunha das tres bruxas… ¡e bailamos “Toxic” de Britney Spears! Porque si, aquí sempre hai unha oportunidade para sacar o teu lado máis creativo. E, claramente, doíame un montón deixar atrás os meus workshops: esas dúas horas nas que non parabas de buscar miradas cómplices cos compañeiros para comprobar que todo estaba ben, que ías a tempo, que non se che esquecía ningún exercicio. Pero sobre todo, nos workshops con nenos, tentar que non acabasen todos correndo descalzos pola clase cun obxecto de atrezzo na man… Porque os nenos son efecto dominó: onde vai un, van todos.
Non quero esquecerme das miñas nenas de Oberon, as raíñas fans de Taylor Swift, que gañei ao longo do curso con moito traballo e dedicación. Ao final acabaron chorando e dicíndome: “Non marches… queda un ano máis!”. E así é: quedo. Non creo que sexa sorpresa para ninguén, e menos para os meus pais (aínda que, se o é, polo menos agora xa o saben, jaja). Estou feliz aquí. Así que deixo isto en puntos suspensivos, para ver o que me espera este ano.
Aínda que, se che gustou moito este pequeno resumo, tamén podes pechar a newsletter de Foco e ir a Instagram ou a TikTok a seguirme no meu intento de ser influencer. É broma. Bueno… se queres, non.
En fin, supoño que… ¿ata o ano que vén?

