Saltar al contenido

Aínda que temos a nosa sede na Guarda (Pontevedra), FOCO como asociación foi cociñándose paseniño dende distintos puntos de Europa e dende diversas experiencias profesionais e vitais, todas elas comprometidas coa cultura, o comunitario e o social. Aterramos aquí no 2021, e dende entón enfocámonos no traballo local: formamos parte do tecido asociativo miñoto e involucrámonos na nosa comunidade.

Desenvolvemos actividades teatrais, culturais, educativas e comunitarias na Guarda e no resto do Baixo Miño. O noso traballo inclúe obradoiros semanais de teatro, laboratorios de creación, mostras escénicas, proxectos artísticos e iniciativas que poñen sempre o foco na participación, creatividade e aprendizaxe colectiva.


Traballamos dende os principios da educación non formal, isto é, a educación que se realiza dun xeito voluntario, fóra do sistema educativo regrado, baseada na experimentación en primeira persoa e o desenvolvemento de competencias. Neste tipo de educación, cada quen responsabilízase da súa propia aprendizaxe: en lugar de exames e cualificacións, realízanse procesos de reflexión persoal (individual e colectiva) sobre os coñecementos e destrezas adquiridas.


Contamos ademais cunha rede extensa de entidades socias internacionais, coas que levamos a cabo encontros teatrais e educativos por toda Europa, compartimos boas prácticas, experiencias, oportunidades de mobilidade e cooperación e o noso traballo e aprendendo doutras formas de traballar no eido cultural noutros lugares.


Paralelamente ao noso traballo local, realizamos actividades formativas, proxectos de cooperación europeos, e servizos de consultoría para organizacións interesadas na transformación social, participación, cultural e desenvolvemento comunitario.

As nosas áreas de traballo

En FOCO integramos no noso traballo formación, proxectos europeos e servizos de consultoría. Deseñamos iniciativas que conectan as realidades locais coa cooperación internacional, sempre co foco na participación, inclusión, creatividade e impacto social.

Formación

Organizamos obradoiros e experiencias formativas para mocidade, profesionais da cultura e a educación, asociacións e colectivos comunitarios. As nosas actividades céntranse na creatividade, participación, educación non formal, traballo comunitario e xestión cultural.

Proxectos Europeos

Colaboramos con entidades europeas e internacionais a través de programas de cooperación coma Erasmus+. Os nosos proxectos promoven a mobilidade, aprendizaxe intercultural, creatividade, inclusión social e intercambio de experiencias e metodoloxías.

Consultoría

Ofrecemos servizos de consultoría e apoio a organizacións, asociacións e institucións interesadas en desenvolver proxectos culturais, educacionais ou europeos. Acompañamos o proceso completo, dende o deseño ata a implementación e avaliación.

Recoñecementos

1º Premio á Iniciativa Empresarial dos Premios Provinciais á Xuventude de Deputación de Pontevedra.

Boa Práctica Europea do programa Erasmus+ outorgado ao proxecto DAFSI (Drama Activities For Social Inclusion, 2022)

Boa Prática Municipal de Participação Juvenil da Federação Nacional das Associações Juvenis de Portugal (FNAJ) outorgado ao proxecto O Río que Nos Une (2023)


O noso equipo

En FOCO contamos cun equipo diverso e multidisciplinar, que combina experiencias en educación, xestión cultural, arte, investigación e proxectos de cooperación europea. Cremos no traballo colaborativo, na creatividade e a participación comunitaria coma elementos clave para a transformación social.

Persoal da asociación

Entre o noso persoal contamos con persoas especializadas nos eidos do teatro, a educación, a facilitación cultural, a investigación e a xestión de proxectos europeos. Cada integrante contribúe coas súas experiencias, perspectivas e creatividade para desenvolver iniciativas locais e internacionais.

Xunta Directiva

A Xunta Directiva coordina e supervisa os proxectos e actividades da asociación, asegurando a calidade, relevancia e impacto social de todas as nosas iniciativas.

Sección xuvenil (Artífices)

FOCO conta cunha sección xuvenil nomeada Artífices e na que participan as persoas socias de entre 14 e 30 anos. Neste espazo promóvese a participación da mocidade en actividades culturais, educativas e artísticas, a través da creatividade, o traballo en equipo e a creación e sostemento da comunidade. Para saber que están a tramar, podedes clicar na seguinte imaxe: