O vindeiro martes 7 de abril ás 20:00 horas terá lugar na Lacena, tenda de alimentación a granel da Guarda, o segundo evento de lanzamento do proxecto Fíos. Desenvolvido na comarca do Baixo Miño, especialmente nos concellos de Tomiño e A Guarda, a iniciativa busca activar á cidadanía para identificar retos climáticos e construír solucións colectivas adaptadas ao noso territorio. Este é un proxecto coordinado pola cooperativa ALALÁ en colaboración coa Asociación FOCO.
O encontro do martes está concibido coma un espazo aberto, próximo e participativo; un pequeno convite con bebidas e petiscos para compartir coa veciñanza mentres dialogamos colectivamente. A proposta céntrase en identificar, dende as propias voces da comunidade, cales son as principais preocupacións medioambientais da comarca: que problemas detectamos, como nos afectan no día a día ou que inquedanzas compartimos.
Buscamos xerar un ambiente acolledor que favoreza a conversa e a escoita activa, poñendo no centro os saberes e experiencias das persoas que habitamos o Baixo Miño. Este encontro quere ser así un primeiro paso para tecer redes e abrir procesos participativos que permitan, no futuro, construír respostas colectivas dende o local. Ademais, escoitaremos a experiencia da Lacena como proxecto de tenda a granel, centrado na redución de residuos e na promoción de hábitos de consumo máis sostibles.
A actividade é de balde e está aberta a toda a veciñanza.

