O sábado 27 de setembro, no Centro Cultural da Guarda, celebrouse unha experiencia escénica frenética enmarcada no proxecto SentadosdePé, que ten o propósito de dar voz á mocidade, recoñecer o seu papel como axentes activos da vida comunitaria e promover o diálogo interxeracional.

A proposta consistiu nunha xornada de creación teatral colectiva que culminou o mesmo día coa presentación pública da obra “I Congreso Internacional de Homeo-cachalotoloxía”, unha peza de teatro inmersivo creada e representada por mozos e mozas da comarca nun proceso artístico intensivo.
Proceso de preparación
O 9 de setembro lanzamos unha convocatoria entre as persoas socias de FOCO e posteriormente a través das redes sociais e outras canles de difusión, convidando á mocidade da comarca a participar nesta experiencia de creación teatral intensiva nun só día. A idea inspirábase noutras experiencias previas, como a do Museo da Poesía, e buscaba tanto intérpretes coma persoas dispostas a colaborar na organización, dirección, escenografía, produción técnica ou comunicación.
A resposta foi moi positiva: arredor de dez mozas e mozos uníronse ao grupo inicial, que axiña se organizou a través dun chat de WhatsApp. O 14 de setembro celebramos unha primeira reunión de preparación en liña, onde se definiu a estrutura xeral da peza: unha falsa conferencia científica internacional, chea de humor, ironía e excentricidade. Nela, o público ía asistir á presentación dunha disciplina inventada: a Homeo-cachalotoloxía, baseada nos supostos poderes milagrosos da graxa de cachalote.
Nesta reunión repartíronse roles e tarefas previas. Unha das participantes encargouse de crear a identidade gráfica do evento, elaborando o cartel de difusión que se compartiu tanto nas redes como na comunidade local.

Xornada de creación e estrea (27 de setembro)
O día do evento, o grupo reuniuse dende as 10:00 da mañá para comezar unha intensa xornada de creación. Ao longo de todo o día, e traballando de xeito colaborativo, o equipo deu forma á dramaturxia, preparou vestiario e escenografía, elaborou máscaras, deseñou atrezzo, produciu material audiovisual e ensaiou as escenas que se representarían pola tarde.
- Ás 18:30 horas, despois de todo este traballo, tivo lugar a estrea da obra “I Congreso Internacional de Homeo-cachalotoloxía”, presentada como un congreso científico real no que o público foi recibido como asistentes oficiais. A experiencia desenvolveuse como un percorrido escénico inmersivo, que ocupou diferentes espazos do Centro Cultural:
- Hall: recepción do público como asistentes ao congreso, con inscrición ficticia.
- Sala de espera: benvida desorganizada das azafatas, introdución humorística.
- Pasillo/laboratorio: antes de entrar no auditorio, vemos un laboratorio onde un científico experimenta.
- Auditorio: intervencións de expertos académicos, proxección dun vídeo creado durante o día e exposición sobre a graxa de cachalote.
- Sala de espera: pausa interactiva con degustación de alimentos tinguidos de azul, supostamente bendicidos con propiedades milagrosas por unha chamana cachalote nunha cerimonia excéntrica que involucraba ao público directamente.
- Capela: relátasenos, con escenografía, luces e música, a lenda dos cachalotes, interpretada en ton de fábula mística.
- Pasillo/laboratorio: ao regreso ao auditorio, o científico que está no laboratorio dálle o milagroso medicamento cachalotil a probar a unha “señora maior” para que vexamos os seus poderes milagrosos.
- Auditorio: de regreso no auditorio, máis académicos relatan o proceso de extracción e tratamento da graxa de cachalote.
- Auditorio: entra o científico do laboratorio coa señora, milagrosamente curada. Pídense voluntarios do público para experimentar con eles. De súpeto, a señora milagrosamente curada comeza a convulsionar e converterse en cachalote!
- Auditorio: a conferencia ten que finalizar abruptamente pola emerxencia que está a ter lugar, o público debe abandonar o auditorio e correr cara á saída.
- Hall: caos no auditorio, evacuación forzada do público e paso final pola “tenda do congreso”, onde se intenta acalmar ao público e vender produtos excéntricos a prezos desorbitados.
- Final: transformación en zombis/cachalotes de varios personaxes e fuxida colectiva.
A representación creou un ambiente festivo, lúdico e participativo, no que o público se converteu nunha peza esencial da ficción.



Resultados e recepción
- Participación xuvenil: 10 intérpretes mozos, acompañados do director e 2 asistentes técnicos, traballaron intensamente desde a concepción ata a estrea.
- Asistencia pública: arredor de 60 persoas, entre elas o alcalde e outros representantes institucionais.
- Impacto artístico e social: a peza puxo en valor a capacidade da mocidade para crear cultura de calidade, en tempo real, apropiándose dos espazos culturais da vila e ofrecendo unha experiencia innovadora, chea de humor, instalacións, música e improvisación.
- Valor educativo e comunitario: o proceso permitiu ás e aos participantes vivir unha experiencia intensiva de traballo en equipo, creatividade e autoxestión, reforzando a súa confianza artística e organizativa.
O I Congreso de Homeo-cachalotoloxía
Este evento do 27 de setembro é un exemplo claro do que pretende o proxecto Sentados de Pé:
- Crear un espazo seguro de expresión colectiva, onde a mocidade é protagonista e sente que a súa voz conta.
- Activar espazos culturais da vila con propostas artísticas novas e arriscadas.
- Usar o teatro e o humor para visibilizar a discriminación por idade e reflexionar sobre as relacións de poder.
- Pór en contacto á mocidade con representantes institucionais nun entorno máis horizontal e igualitario.
A boa acollida do público, a implicación do grupo de mozos e a presenza de figuras políticas locais avalan a relevancia do proxecto. O teatro converteuse así nunha ferramenta eficaz para abrir conversas interxeracionais e reivindicar a voz xuvenil na comunidade.
