Saltar al contenido

Talk? Talk! Formación en improvisación teatral en Granada

FOCO participa no curso de formación Talk? Talk! tivo lugar en Granada do 2 ao 9 de novembro dirixido á traballadoras no ámbito da mocidade, impartido por Yago Durán e Lidia Veiga.

O proxecto Talk? Talk!” foi concibido dende o primeiro momento coma moito máis ca unha formación, e iso nótase. Foi unha experiencia intensa, humana e divertida, unha semana chea de aprendizaxes, descubrimentos e tamén de moitos momentos compartidos. As persoas formadoras, Yago Durán e Lidia Veiga, foron fabulosas: dende o talento e a brillantez no profesional ata o calor e vulnerabilidade no persoal, namoramos da súa forma de ensinar e coidar. Dende o primeiro día conseguiron crear un ambiente de confianza e curiosidade, e prepararon todo o proceso con tanto detalle que a formación se sentía coma unha auténtica viaxe, tal como prometeran. Cada xornada tiña o nome dunha porta que iamos atravesando: “Chegadas”, “O Faro”, “O Caos”… e finalmente “A Ponte”, a derradeira, que simbolizaba o regreso, a conexión entre todo o aprendido e o noso traballo e vida cotiá nas nosas asociacións e fogares.

Na formación participamos persoas representantes de FOCO (Galicia), La Ciudad de los Niños (Granada), Rieska (Finlandia), Edutex (Romanía) e CEDE (Aruba). Un grupo moi diverso en idades, linguas, contextos culturais, experiencias vitais… no que acabamos xerando inmensa complicidade e sinerxías. Mesmo antes de que comezase oficialmente a formación xa estabamos en movemento: aínda antes de comezar a Talk?Talk! fomos compartindo xogos, dinámicas e coñecementos, preparando o terreo para o que viría.

Xa a primeira noite en Granada, despois de horas e horas de viaxe (especialmente das compañeiras de Aruba, que viñeran dende o Caribe), comezamos a implementar progresivamente pequenas dinámicas de facilitación, xogos de improvisación e exercicios de grupo. Durante os días seguintes fomos combinando teoría e práctica, equilibrando a experiencia. Traballamos arredor da comunicación humana, exploramos o modelo dos esforzos e movemento de Laban, practicamos xogos comunicativos e afondamos en conceptos como o ecoar, o espello, o caos, a improvisación… Á vez, todo o que iamos aprendendo pasaba polo corpo: voz, movemento, tempo, intensidade, creatividade… Cada día traía novos retos e tamén novas risas.

A medida que avanzaba a semana, as propostas foron aumentando en complexidade e exixencia. A mediados da formación xa estabamos interpretando escenas de improvisación con relativa soltura, xogando coa expresión e coa complicidade e confianza entre nós. Foi marabilloso ver creceren sobre o escenario a persoas que ao comezo se amosaban algo tímidas, desfrutando da creación en equipo.

O último día, cando traspasamos “A Ponte”, tocou pechar o ciclo. Tivemos a oportunidade de poñer en común todo o vivido e de pensar como continuar o camiño. Por grupos elaboramos propostas de proxectos Erasmus+ que recollesen o aprendido e o proxectasen cara ao futuro, como unha maneira de dar continuidade a esta experiencia e seguir tecendo redes de colaboración entre países e entidades.

Por suposto, tamén houbo tempo polo medio para o lecer e para descubrir Granada. Tivemos a sorte de visitar a fermosísima Alhambra, coa nosa amiga Lisa, compañeira da Ciudad de los Niños, como guía estelar. Foron días intensos, cheos de aprendizaxe, emoción, cansanzo, coidados e moitas risas. Houbo espazo para pensar e para sentir, para reflexionar e tamén para xogar. Cando chegou o momento de despedirnos, tiñamos xa demasiadas bromas internas para poder tomarnos en serio: marchamos coa promesa de voltar mirarnos e de enviarnos postais nas próximas semanas: a quen non lle vai gustar unha postal en papiamento, rumano, finés, galego e granaíno?

“Talk? Talk!” deixounos novas ferramentas, si, pero sobre todo deixounos unha comunidade de persoas conectadas por algo tan sinxelo e tan esencial coma a risa, o desexo de comunicarnos mellor, de escoitar con atención e de crear espazos máis humanos, empáticos e creativos.

Este foi un proxecto financiado pola Unión Europea a través do programa Erasmus+, no que participamos a través de diferentes accións, colaborando e realizando intercambios teatrais por toda Europa.

Os formadores do curso, Lidia e Yago.