
FOCO, Asociación para a Formación e Cooperación en Europa, con sede na Guarda, foi galardoada onte, 4 de decembro, co 1º Premio á Iniciativa Empresarial na novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude, organizados pola Deputación de Pontevedra. A gala celebrouse no Salón de Plenos do Pazo Provincial e reuniu a moitas das iniciativas máis destacadas da mocidade da provincia, recoñecendo o seu talento en disciplinas vinculadas ás artes, a investigación e o compromiso social.
O premio distingue o labor de FOCO como proxecto que impulsa a cultura como ferramenta de transformación social, promovendo a inclusión, a creatividade e a cidadanía activa entre a mocidade do Baixo Miño. A asociación emprega metodoloxías teatrais e ferramentas de educación non formal para facilitar o acceso á cultura e ao desenvolvemento de competencias persoais e comunitarias, apostando sempre por proxectos de calidade, relevancia e utilidade. Fundada na Guarda no 2021, FOCO intégrase no tecido asociativo miñoto e traballa en estreita colaboración con entidades locais, galegas, estatais e europeas, impulsando iniciativas que promoven o pensamento crítico e o respecto á diversidade.

Este recoñecemento, entregado polo deputado provincial Roberto Carrero, supón un importante impulso ao traballo desenvolvido por FOCO e pon en valor a potencialidade da cultura e da educación non formal como motores de cambio social na nosa comarca.
Foi tamén unha gran alegría para FOCO compartir espazo con outras miñotas galardoadas nesta edición: na categoría Iniciativa Xuvenil, a Asociación Agrupación Musical do Rosal polo proxecto AMDOR Fest (1º premio); en Contido Audiovisual, Rosalía Quiroga Trasorras e Eire García Cid (A Guarda) por @amqaeoc (1º premio); en Deseño e Moda, Miguel González Flores (A Guarda) polo seu Expositor de gafas para Pementa Eyewear (2º premio); en Fotografía, Marcos Pazos Pazo (Tui) por Outra mascarada (2º premio); e en Traballo literario breve narrativo, de novo Miguel González Flores (A Guarda) por Un sismógrafo (2º premio). FOCO celebra o talento da mocidade do Baixo Miño e a riqueza creativa que representa para a comarca.

