
A asociación FOCO celebrará o vindeiro 27 de marzo as 19:00 o Día Mundial do Teatro no Centro Cultural da Guarda cun evento aberto ao público que combinará reflexión, participación e mostra do traballo que están a desenvolver os participantes nos grupos de teatro. Esta actividade é parte do proxecto europeo Sentados de Pé.
A proposta consistirá na presentación dunha serie de trailers escénicos das distintas pezas teatrais que os grupos que participan en FOCO están a crear ao longo deste curso e que se mostrarán en xuño. As persoas participantes, organizadas por grupos de idade (6 a 12 anos, 13 a 17, 18 a 30 e maiores de 60), compartirán pequenas mostras dos seus procesos creativos. Ademais, a actividade incluirá entrevistas ás participantes, presentación de iniciativas teatrais europeas e outras propostas pensadas para achegar o teatro á comunidade.
Como peche da xornada, realizarase unha lectura dramatizada do manifesto oficial do Día Mundial do Teatro. Cada ano, o Instituto Internacional do Teatro, dependente da UNESCO, encarga a unha creadora ou creador teatral a redacción dun texto sobre a importancia do teatro na sociedade, que se le de maneira simultánea en celebracións de todo o mundo: este ano o texto está elaborado polo actor e director estadounidense Willem Dafoe.
Con esta iniciativa, FOCO busca visibilizar o teatro como ferramenta de aprendizaxe, expresión e encontro interxeracional, así como abrir á comunidade o traballo educativo e artístico que a entidade desenvolve ao longo do ano. Convidamos á veciñanza a asistir e compartir este momento festivo: un espazo aberto para coñecer os procesos creativos, apoiar ás participantes e celebrar colectivamente o teatro.
O evento será de acceso libre ata completar capacidade.
