Durante estes meses, catro grupos levan creando, ensaiando e preparando catro propostas escénicas que se presentarán durante a FOCOmostra de Teatro organizada pola asociación guardesa FOCO. Por primeira vez, estas mostras agrúpanse baixo un mesmo paraugas, co subtítulo «Arte feita por persoas para persoas». Nun momento no que a tecnoloxía, coa intelixencia artificial xerativa á cabeza, ameaza con substituír a creatividade humana, desde FOCO propoñemos as artes como un espazo de encontro e resistencia.

Por iso, convidamos toda a comunidade a achegarse os días 19 e 20 de xuño para descubrir catro propostas diversas que abranguen desde o drama ata a comedia, do teatro máis convencional á performance, e dirixidas a públicos moi variados.
A programación comeza o venres 19, ás 19:00 coa rapazada de entre 13 e 17 anos, que presenta O Monstro, unha peza que segue a un grupo de estudantes dun instituto que debe decidir se vingarse ou non.

O día seguinte, o sábado 20, ás 13:00, o grupo de nenas e nenos organizado polo Concello da Guarda presenta Rebelión na Biblio, unha obra para público infantil sobre a literatura, a rebeldía e o traballo en equipo.

Pola tarde, ás 18:00, será a quenda de con.texto, unha peza que explora como as artes crean comunidade e brindan unha oportunidade para construír xuntas.

Ademais, 45 minutos antes de cada función, o público poderá desfrutar de Modelos Antilixentes, unha proposta a medio camiño entre a performance e a instalación que reflexiona sobre a intelixencia artificial, a deshumanización e os futuros distópicos. A actividade terá lugar na sala de exposicións do propio Centro Cultural da Guarda.
