Un ano máis, dende FOCO, participamos en CUIMSIÚ, o curso internacional de formación Erasmus+ en Isparta (Turquía). Xunto a participantes de Irlanda, Grecia, Italia, Polonia, Turquía, Cataluña e España, tivemos a ocasión de asistir a un programa formativo intensivo con obradoiros teatráis dirixidos por profesionais das artes escénicas. No curso, centrado no uso de ferramentas teatrais para a integración de migrantes, aprendemos a usar os viewpoints con Anna Galligan, teatro danza e movemento con Antigone Gyra o cartoon commedia a partir da tradicional commedia dell´arte con Yassine Barkaoui.
Así mesmo, cada mañá exploramos en obradoiros rotativos técnicas teatrais como o newspaper theater, a memoria emotiva, o ritmo como ferramenta de construción de elenco ou o uso da canción no teatro protesta.
Parte do traballo da semana amosouse o derradeiro día nunha mostra co resto de participantes. Ademáis, alén da aprendizaxe teatral, tivemos oportunidade de aprender máis da cultura local e de visitar espazos como a cidade antiga de Sagalassos, co seu teatro do século II. Sen dúbida, esperamos que este proxecto anual na cidade turca continúe cada verán e por suposto estar presentes representando a FOCO e establecendo novas relacións coas asociacións participantes.

