O próximo domingo 6 de setembro, ás 19:00, FOCO presenta a súa última creación fugaz no Centro Cultural da Guarda. Estas son creacións teatrais montadas e ensaiadas durante o mesmo día da súa estrea, e presentadas ao público por primeira e única vez.

Nesta proposta co título “Ven bater connosco o Record Ghinness ao maior número de persoas en círculo bebendo auga cunha palliña dun vaso sostido pola persoa que esta á súa esquerda mentres levan un sombreiro de aniversario”, FOCO convida ao público a tentar bater un récord mundial que roza o absurdo, pero cuxo éxito será máis difícil do esperado. A peza está creada e interpretada por 11 persoas mozas de entre os trece e os vinte e cinco anos, e servirá para dar comezo a un novo curso cheo de teatro.
Ademais, o proceso de creación desta peza será filmado para converterse nun documental que será presentado en Atenas a mediados de outubro dentro do proxecto europeo IGNITION, no que FOCO está a desenvolver materiais pedagóxicos para que outras entidades poidan replicar nas súas contornas o traballo que a asociación guardesa leva adiante dende 2021 no Baixo Miño. Máis adiante, este documental, xunto con outros dous que se filmarán ao longo do curso, será presentado tamén en Turquía e Irlanda.
As entradas, que son de balde, poden reservarse no Eventbrite da asociación: https://www.eventbrite.es/e/entradas-ven-bater-connosco-o-record-ghinness-1999270956249

