O verán de 2025 foi especialmente intenso para FOCO, cunha programación chea de experiencias internacionais, formacións locais e proxectos xuvenís que demostraron a forza da cultura como motor de encontro, reflexión e empoderamento.
Entre xuño e agosto, a asociación organizou e coordinou a participación de varios grupos de persoas do Baixo Miño en proxectos de mobilidade europeos financiados polo programa Erasmus+ . Estes encontros combinaron intercambio cultural, aprendizaxe creativa e reflexión social. A través de da cultura, as persoas participantes exploraron temas como as novas masculinidades, a inclusión social, a protección ambiental ou o empoderamento xuvenil.

- Portugal (8-14 xullo): intercambio xuvenil sobre inclusión e dereitos humanos a través do teatro e a expresión artística.
- Finlandia (20-27 xullo): proxecto xuvenil de teatro e cine na natureza, centrado na concienciación ambiental.
- Turquía (28 xullo – 5 agosto): curso de formación en prácticas escénicas para profesionais da mocidade en contextos educativos e culturais.
- Eslovenia (30 xullo – 8 agosto): intercambio xuvenil sobre empoderamento a través da arte, a comunicación e a creatividade.
Por outro lado, regresaron os nosos voluntarios europeos Marta e Anxo de Irlanda e Finlandia respectivamente. Marta estivo case un ano facendo un voluntariado teatral cos nosos socios da Crooked House, mentres que Anxo pasou o mes de xullo rodeado de natureza no centro xuvenil Metsäkartano. Todas estas experiencias permitiron que rapazas e rapaces da comarca compartisen aprendizaxes con participantes de toda Europa, creando redes de amizade e cooperación que van máis alá do verán

De volta na Guarda, FOCO tamén impulsou iniciativas locais como as formacións Free Move e Vysualia, coordinadas por catro mozos e mozas da vila dentro do proxecto Artífices. Ambas culminaron nunha presentación pública no Centro Cultural da Guarda, con exhibición de movemento expresivo e curtametraxes creadas desde cero pola mocidade local.
Outro dos nosos fitos estivais foi a obra Inanición, xurdida do proxecto Linguas Novas a través dun proceso colectivo de investigación e creación teatral arredor da situación do galego. Logo da súa excelente acollida na Guarda, a peza deu o salto fóra de Galicia coa súa estrea en Cataluña o 5 de setembro, no marco do 1º Festival de Teatro de Linguas Minorizadas da Seu de Urgell, onde FOCO participou tamén nunha creación colectiva internacional.

Con esta intensa programación, FOCO reafirmou o seu compromiso con ofrecer oportunidades de aprendizaxe, mobilidade e creación cultural á mocidade da comarca, fortalecendo ao mesmo tempo a dimensión europea e comunitaria do seu traballo. E tras un verán cheo de proxectos e creacións, FOCO volve con enerxía e novas propostas abertas á comunidade, con obradoiros teatrais gratuitos para todo o curso 2025-26!
