Sobre o proxecto
FÍOS é un proxecto de acción cidadá que promove a xustiza climática a través da participación comunitaria, o diálogo interxeracional e a incidencia en políticas públicas a nivel local. Desenvolvido na comarca do Baixo Miño, especialmente nos concellos de Tomiño e A Guarda, o proxecto busca activar o liderado da cidadanía para identificar retos climáticos e construír solucións colectivas adaptadas ao territorio. Este é un proxecto coordinado por ALALÁ, cooperativa galega que traballa pola transformación ecosocial dos territorios desde unha perspectiva ecofeminista con sede en Tomiño.
Nun contexto marcado pola crise ecosocial, a perda de biodiversidade, o envellecemento poboacional e as desigualdades de xénero no rural, FÍOS propón unha resposta baseada no ecofeminismo e na interseccionalidade. O proxecto pon en valor os saberes locais, especialmente os das persoas maiores e das mulleres rurais, e fomenta o seu diálogo coas novas xeracións para impulsar unha transición ecosocial xusta, inclusiva e sostible.
Obxectivos
O obxectivo principal de FÍOS é mobilizar ás comunidades locais para fortalecer a resiliencia territorial e promover a xustiza climática mediante procesos participativos e de incidencia política.
De maneira específica, o proxecto busca:
- Identificar e analizar os principais retos climáticos da comarca do Baixo Miño
- Fomentar a participación interxeracional, especialmente entre persoas mozas e maiores
- Integrar unha perspectiva ecofeminista e interseccional na análise e propostas
- Elaborar un decálogo de medidas dirixido ás administracións públicas
- Promover o diálogo estruturado entre cidadanía, entidades e administracións
- Sensibilizar á poboación mediante accións creativas e campañas comunitarias
Actividades principais
Entre marzo e novembro de 2026, FÍOS desenvolverá unha serie de accións organizadas en diferentes fases:
- Actos de lanzamento en espazos locais vinculados a economías alternativas e sostibles
- Mapeo participativo de retos climáticos, identificando problemáticas como pragas, xestión de residuos ou cambios nos usos tradicionais do territorio
- Mesa redonda multifactor, conectando saberes locais con coñecemento experto desde unha perspectiva ecofeminista
- Cartografía de solucións e elaboración dun decálogo, integrando propostas baseadas na transferencia interxeracional de coñecementos
- Campaña participativa de sensibilización, utilizando ferramentas artísticas como o teatro ou o arte de guerrilla
- Diálogo estruturado con administracións, para presentar propostas e fomentar a súa incorporación en políticas públicas
Social Power: o marco do proxecto
FÍOS desenvólvese no marco de Social Power, unha iniciativa impulsada por Oxfam Intermón en alianza con Political Watch e cofinanciada pola Unión Europea, que ten como obxectivo fortalecer a sociedade civil organizada na defensa dos dereitos humanos en España.
Social Power é un programa que promove o apoio, financiamento e acompañamento a organizacións sociais que traballan na protección e promoción de dereitos fundamentais, especialmente daqueles colectivos máis afectados polas desigualdades e a discriminación. A través das súas convocatorias, Social Power impulsa proxectos que se enmarcan en distintas axendas de dereitos, entre as que destaca a xustiza climática, eixo central de FÍOS. Este enfoque entende o cambio climático non só como unha crise ambiental, senón tamén como unha cuestión de dereitos, equidade e xustiza social, promovendo respostas que poñan no centro ás comunidades e ás persoas máis vulnerables.
O programa aposta por reforzar as capacidades do tecido asociativo mediante financiamento, espazos de aprendizaxe, traballo en rede e procesos de incidencia política, co obxectivo de xerar transformación social sostible e duradeira. Neste contexto, FÍOS contribúe aos obxectivos de Social Power ao promover a participación cidadá, o diálogo multiactor e a creación de propostas políticas desde o territorio, fortalecendo o papel das comunidades locais (especialmente no rural) como suxeitos activos na defensa da xustiza climática.

