Despois dun ano de traballo, damos por pechado o proxecto sobre diversidade e saúde sexual e reprodutiva entre a mocidade Safe&Sound! Foi un proxecto moi especial no que puidemos achegarnos directamente a más de 150 participantes só nas actividades realizadas na Galiza, que se suman ao impacto das nosas entidades socias Tinerii 3D (Rumanía) e LAG (Bulgaria) nas súas respectivas rexións. Compartimos aquí moi brevemente o percorrido de S&S convosco!

Despois da reunión de lanzamento, puxémonos mans á obra elaborando cuestionarios que foron respostados por 135 persoas novas (90,5% entre 13 -18 anos; 52,6% mulleres, 43,7% homes, 3,7% NB/outros). As enquisas recolléronse e analizáronse para establecer unha liña base de partida que permitira deseñar os materiais necesarios para a rapazada participante do proxecto. Atopamos nesas enquisas unha alta exposición previa á educación sexual (92%), pero tamén moitas dúbidas e grandes carencias nas dimensións afectiva e ética. A xuventude amosaba interese en temáticas coma o consentimento, as relacións afectivas, prevención de violencia e métodos anticonceptivos; detectamos tamén situacións de presión en relacións, presenza de vergoña, silencio e narrativas e terminoloxías específicas da xeración Z.
Pode consultarse o informe de resultados da enquisa aquí:
Baseándonos nesta información, preparamos e impartimos unha serie de obradoiros sobre diversidade e saúde sexual e reprodutiva en tres centros educativos guardeses (HH Carmelitas, PP Somascos, IES A Sangriña) para alumnado de 2º, 3º e 4º de ESO. En total impartimos sete sesións nas que participaron 128 estudantes, ademáis do profesorado acompañante. O alumnado recibiu información, debuxou, debatiu, aprendeu termos básicos (sexo/xénero/orientación sexual), tocou, comparou e observou modelos anatómicos xenitais e métodos anticonceptivos, de protección ante ITS e de hixiene menstrual. Puidemos constatar un alto nivel de participación, interese e satisfacción; tamén unha baixa exposición previa a algúns dos temas tratados e un feedback moi positivo tanto por parte do alumnado coma do profesorado.
Pode consultarse o informe de resultados dos obradoiros aquí:


Baseándonos na recolla de información realizada, creamos materiais coma estas recomendacións para impartir obradoiros (subir á web S&S_PostWorkshop_Recomendacións.pdf ), este folleto informativo https://www.focoeuropa.com/wp-content/uploads/2025/05/ES-SS-FINAL-TOOLKIT.pdf , ou a nosa campaña de sensibilización en RRSS a través de vídeos! Coa axuda da mocidade socia de FOCO escribíronse guións, preparáronse maquetas e figuras de animación, gravouse a imaxe e o son por separado, montáronse os vídeos, editáronse e subtituláronse en galego, inglés, rumano e búlgaro. Os vídeos de FOCO centráronse en promover a diversidade, mentres que os de Tinerii 3D e LAG versaron sobre protección ante ITS e anticoncepción respectivamente. Desfruta deles aquí: https://www.youtube.com/shorts/HynrottJUGg
Para continuar difundindo os resultados do proxecto, facilitamos unha sesión específica dentro do intercambio xuvenil internacional RESONANCE en Lugo. Durante unha mañá enteira compartimos materiais, conclusións e reflexións entorno a Safe & Sound con 33 persoas novas de Irlanda, Grecia, Italia e Portugal



Como peche, convidamos ao alumnado e profesorado que participara nos obradoiros a unha actividade final consistente nunha peza escénica entorno á temática do proxecto. Desfrutamos da marabillosa Atenea García co seu fabuloso espectáculo Vicio Houbo Sempre, un contacontos sobre cuestións relacionadas coa diversidade e a sexualidade dende a perspectiva das nosas antepasadas. A obra, na que participou tamén público xeral non escolar, conseguiu involucrar a máis dun cento de asistentes que riron, emocionáronse e aprenderon connosco.

Demos por finalizado Safe&Sound na nosa derradeira reunión coas entidades socias en Bulgaria, pero continuaremos traballando con e por unha mocidade diversa, con coñecemento e acceso pleno aos seus dereitos sexuais e reprodutivos!
