Creación teatral intensiva e colaborativa sobre videoxogos, menores e espazos en liña, o día 31 de maio ás 18 horas no Centro Cultural da Guarda.

A Guarda acollerá o vindeiro 31 de maio ás 18 horas no Centro Cultural a representación da obra “Sen Filtro. Isto non é un videoxogo”, unha peza efémera creada e representada nunha soa xornada por 10 persoas de entre 14 e 20 anos. Seguindo a estela de experiencias previas da Asociación FOCO coma o Museo da Poesía ou o I Congreso Internacional de Homeocachalotoxía, xorde esta nova proposta intensiva de creación teatral e experimentación.
Nesta ocasión reflexionaremos sobre as plataformas en liña de videoxogos, con especial atención a Roblox, que permite non só xogar senón tamén crear novos videoxogos, e interactuar en liña en directo con persoas de todo o mundo. Exploraremos as luces e sombras dun espazo concibido por persoas adultas e ocupado de cotío por menores, no que proliferan as críticas en torno á (falta de) filtros, moderación de contidos ou supervisión.
Ao longo de aproximadamente media hora, a peza mesturará elementos transmedia, gameplay en directo e dispositivos experimentais. Trátase dun achegamento escénico que busca abrir un espazo de reflexión arredor das responsabilidades, dinámicas e contradicións que atravesan este tipo de plataformas, e poñer o foco nas tensións e responsabilidades que rodean os espazos dixitais habitados por menores. A peza Sen Filtro, enmárcasedentro do proxecto europeo S.O.C.I.A.L. no que participa FOCO xunto á asociación teatral logroñesa ON&OFF.
Esta peza, destinada para público a partir dos 12 anos, é de especial relevancia para calquera persoa que conviva ou traballe con nenos ou persoas mozas e que queira descubrir, de primeira man e a través da voz das persoas que mellor a coñecen, como funciona Roblox e outras plataformas similares.
