
O proxecto O Rio que nos Une (promovido, deseñado e coordinado pola asociación cultural guardesa FOCO) foi recoñecido en Portugal. Obtivo o Certificado de Boa Práctica Municipal de Participación Xuvenil, entregado ao municipio veciño de Caminha pola Federação Nacional das Associações Juvenis (FNAJ) no marco do V Encontro Nacional da Rede de Municípios Amigos da Juventude. A distinción subliña o impacto do proxecto no impulso da participación xuvenil e na cooperación transfronteiriza coa vila galega da Guarda, así como a creación dunha axenda conxunta de actividades para a mocidade de ambos territorios.
O Rio que nos Une (Erasmus+ KA154-YOU Participación Xuvenil, 2023–2024) mobilizou 20 mozas e mozos de 14 a 19 anos de A Guarda e Caminha arredor de tres encontros de fin de semana no Mosteiro de São João D’Arga (marzo, abril e maio de 2023) con actividades lúdicas, teatrais e de reflexión política, e culminou nun evento final con representantes políticos na Guarda.
Como principais resultados deste proxecto están: a creación dun mural colaborativo organizado pola Câmara Municipal de Caminha, e o Colour Rain Festival organizado polo Concello da Guarda, ambas actividades deseñadas e propostas dentro do proxecto O Rio que nos Une.
O proceso permitiu identificar inquedanzas comúns, debater políticas municipais relevantes para a mocidade e deseñar propostas de actividades que os dous concellos se comprometeron a implementar, avanzando cara a mecanismos estables de participación institucional e colaboración xuvenil transfronteiriza. FOCO asumiu a coordinación xeral, a facilitación dos encontros, o deseño metodolóxico participativo e o seguimento coas institucións locais (Concello da Guarda e Câmara Municipal de Caminha).
