Saltar al contenido

Normas de uso da Intelixencia Artificial (IA) xerativa

En febreiro de 2024, un grupo de socias de FOCO decidimos solicitar unha subvención ao Corpo Europeo de Solidariedade para levar a cabo o proxecto Antilixencia Artificial, no que reflexionar sobre como a IA xerativa estaba a modificar a creación artística. Desde entón, o uso da IA xerativa estendeuse de maneira xeneralizada, tanto na xeración de imaxes como de textos.

Os textos escritos pola IA están completamente deshumanizados e son incapaces de transmitir as sutilezas da linguaxe e a identidade de quen escribe, pois só á IA lle gusta ler algo escrito pola propia IA. O mesmo acontece coas imaxes. A uniformidade e a perda de identidade son características comúns da maioría dos carteis, debuxos e ilustracións xerados por IA.

Concibimos a arte e a cultura como elementos propiamente humanos e defendemos a colaboración e a creación colectiva como as principais ferramentas creativas en FOCO, o que fai difícil xustificar o uso da IA en moitos aspectos dos procesos creativos. Do mesmo xeito, negámonos a que unha máquina sexa quen dite e dirixa o que se fai nesta asociación.

Este documento, elaborado no marco do proxecto Antilixencia Artificial, busca establecer os casos nos que está permitido ou non o uso da IA xerativa nas actividades da asociación e tamén garantir ás socias e ao resto das persoas que se relacionan dalgún xeito con FOCO cales son as limitacións que nos autoimpoñemos no uso da IA.

Como norma xeral, formularanse as seguintes preguntas para decidir se o uso da IA xerativa está permitido ou non dentro da asociación FOCO:

  • É importante que esta tarefa a faga unha persoa?
  • Gustaríame que esta tarefa a fixese unha persoa?

Ademais, prohíbense e permítense explicitamente os seguintes usos:

Usos prohibidos

  • Crear textos escritos de elaboración propia, como manuais pedagóxicos, solicitudes de subvención, notas de prensa, etc.
  • Xerar ideas para proxectos. Esta é unha tarefa que debe nacer das persoas e das necesidades da comunidade.
  • Realizar tarefas creativas, como escribir textos teatrais, deseñar escenografías ou crear imaxes, vídeos, música ou sons.
  • Crear elementos de deseño gráfico, como carteis, logotipos, imaxes ou contidos para redes sociais.
  • Compartir datos ou imaxes das persoas participantes.
  • Realizar procesos de selección.

Usos permitidos

  • Realizar tarefas administrativas que aforren tempo, como resumir textos, extraer información de documentos ou organizar datos.
  • Utilizala como ferramenta de busca, documentación ou investigación, sempre que a información sexa contrastada.
  • Realizar tarefas de corrección lingüística, subtitulación ou tradución, comprobando sempre o resultado.
  • Analizar ideas ou proxectos.

Aprobado o 22 de xullo de 2026 pola Xunta Directiva de FOCO.